Os 15 millóns de euros para o soterramento das vías ao seu paso polo casco urbano anunciados por Eva García de la Torre non se contemplan nas contas presentadas onte polo goberno socialista

15 de xaneiro de 2019.-  O Porriño deberá seguir esperando para ver solucionada unha das súas reclamacións históricas, á referente á supresión do paso a nivel que divide en dous a vila supoñendo un evidente risco para os centos de persoas que cada día transitan por este lugar.

O pasado mes de outubro, tras unha xuntanza mantida coa presidenta de ADIF, Isabel Pardo, a alcaldesa do Porriño anunciaba que o Ministerio de Fomento consignaría unha partida económica de 15 millóns de euros nos Orzamentos Xerais do Estado 2019 para o soterramento do trazado ferroviario ao seu paso polo Porriño, algo que finalmente, non se ve reflexado nas contas presentadas onte polo Goberno de Pedro Sánchez.

“Resulta desesperanzador comprobar que, pese a telo anunciado, non se contempla nin un euro para a retirada do paso a nivel nos orzamentos”, salientou o presidente dos populares M. Alejandro Lorenzo, “Tras moitos anos de loita, conseguiuse que os Orzamentos 2018 incluiran unha partida de 880.000 euros para dar resposta á nosa lexítima demanda, algo que ata entonces non tiña sucedido e que supoñía un gran paso. Agardábamos ter sobre a mesa en breve espazo de tempo un proxecto concreto de supresión do paso a nivel e comprobamos que non só non existe proxecto ou proposta, é que non hai intención algunha de que o haxa”.

Cabe destacar que, por aquel entón o grupo socialista no Congreso presentara unha enmenda para ampliar esta partida, destinada á elaboración dun estudio inicial, a un millón de euros ao considerala insuficiente. Os socialistas, unha vez no goberno,  optan por dar a espalda ao Porriño e Eva García de la Torre, cala.

Dende o PP do Porriño, critican a impasibilidade da rexedora ante esta afrenta aos porriñeses e critican o uso partidista que se leva feito desta histórica reclamación. A principios de setembro do 2015 a alcaldesa anunciaba a retirada do paso a nivel. Por aquel entón o acordo pasaba por construir pasos soterrados para peóns e vehículos, proxecto que ADIF se comprometía a costear ao 50%. O Goberno Municipal chegou a poñer marcha os trámites precisos para levar a cabo estas obras, cambiando a titularidade das rúas adxacentes. Xa no 2017, concretamente en setembro, Eva García negábase a levar a cabo o proxecto acordado e, tal e como insistíamos o resto dos grupos da corporación, aseguraba que O Porriño non aceptaría ningunha solución que consolidase o paso do tren polo centro da vila, tan só desviar o trazado ou o soterramento das vías. Un ano máis tarde, a rexedora anuncia que está en marcha e con partida consignada o soterramento da vía e comprobamos que tampouco é así. “Asistimos a un aluvión anuncios electoralistas sobre unha cuestión de vital importancia para a cidadanía do Porriño que require responsabilidade e firmeza”, lamenta Lorenzo, “O interés político non ten cabida cando se trata de conseguir un obxectivo común e defender os intereses dos porriñeses, o consenso e a unión de todos os grupos é a única vía. A única foto que cabe sacar é a do día que se inicien as obras para a supresión do paso a nivel no centro da vila”.

Deixa o teu comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

You may use these HTML tags and attributes:

<a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>