Tal e como ven denunciando o Partido Popular do Porriño, nos últimos anos o Goberno Municipal perdeu subvencións por valor de máis de 1 millón de euros, todas elas das áreas de Vías e Obras e Emprego, supoñendo un severo perxuizo para os veciños e veciñas do municipio.

As últimas achegas que pasan a engrosar o montante de inversión desaproveitada afectan directamente aos parques empresariais do Porriño, onde se perderon máis de 165.000 euros concedidos pola Xunta de Galicia para melloras infraestruturas viarias.

En base á orde de axudas do ente autonómico aprobada en 2015 concedéronse 242.000 euros para tres proxectos de mellora dos viais dos polígonos no Porriño (A Granxa, Prado-Budiño e As Gándaras). De todos eles, únicamente o das Gándaras cumpriu os requisitos da subvención, mentres que no resto dos casos a axuda foi revocada por non cumprir cos requisitos,ben por non xustificar os gastos do proxecto, por pagar fóra do prazo estipulado ou por non executar menos do 50% da base subvencionable.

A coalición PSOE-UDDL desaproveitou a subvención de 100.000 euros concedida para o acondicionamento do vial sur do Polígono Industrial Prado-Budiño por non ser quen de xustificar os pagos no prazo establecido.

Esta denegación súmase á axuda concedida para o acondicionamento de beirarrúas da Fase I do Polígono Industrial de A Granxa. A Xunta concedeu ao Concello do Porriño 65.000 euros a tal fin, que deberán ser asumidos pola facenda municipal por non cumprir coas condicións estipuladas, ao non executar menos do 50% da base subvencionable.

Cabe destacar que incluso na achega concedida para a mellora das Gándaras, a xestión do Goberno Municipal levou ao Concello a ter que asumir con fondos propios máis do 50% do investimento subvencionable. Lonxe do que anunciaba nos medios o concelleiro de Vías e Obras, Manuel Carrera, que aseguraba contar cunha subvención de 110.000 euros para estas melloras e ocultaba deliberadamente que perderan máis da metade da mesma e será o Concello quen correrá con ese gasto.

“Dende que comenzara esta lexislatura asistimos con impotencia á perda sucesiva de subvencións, que neste caso darían resposta ás demandas non só do tecido empresarial do municipio, senón de toda a cidadanía que cada día acude ao seu posto de traballo nos polígonos.”, apuntou o presidente dos populares, M. Alejandro Lorenzo que aproveitou lembrar que “xa está aberto, ata o próximo 11 de febreiro, o novo prazo de solicitude para optar ao financiamento para mellorar os polígonos. Os parques empresarias do Porriño precisan destas melloras nas súas infraestruturas”.

Deixa o teu comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

You may use these HTML tags and attributes:

<a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>