A rexedora incumpriu a súa obriga legal de levar a cabo o mantemento e as tarefas de reparación dos centros escolares para evitar o deterioro das instalacións, facendo caso omiso ás reiteradas peticións por parte das direccións e das ANPAS dos centros

Os populares esixen a Eva García que deixe de mentir á veciñanza e adique máis tempo a cumprir as súas obrigas e menos a traballar a prol dos intereses do seu partido e os seus propios.

O Porriño, 22 de xuño de 2018.- O Grupo Municipal do Partido Popular do Porriño lembra á Alcaldesa, Eva García, que os traballos de mantemento e conservación dos centros de educación infantil e primaria do municipio son COMPETENCIA EXCLUSIVA e OBRIGACIÓN do Concello.

Os populares responden así ás declaracións da rexedora que onte anunciaba a reparación da cuberta do CEIP de Atios e o facía, como acostuma, tentando ocultar aos veciños e veciñas do Porriño a súa responsabilidade. “Nunha nova mostra da hipocresía coa que trata á veciñanza, a Alcaldesa minte e carga contra a Xunta de Galicia responsabilidades que, tal e como marca a Lei, lle corresponden ao Concello”, apunta a edil popular Ana M. Paradela, “Como ben sabe a rexedora, é responsabilidade exclusiva do Concello do Porriño, e por tanto súa, asumir e acometer as actuacións precisas para evitar que os edificios perdan, co seu normal uso, as condicións óptimas relativas a funcionalidade e seguridade”.

Así, e en aras de defender a verdade ante a comunidade escolar e a veciñanza en xeral, dende o PP do Porriño queren aclarar os seguintes puntos:

⦁ As deficiencias que presenta o CEIP de Atios responden de xeito directo á continuada falta de mantemento durante os últimos tres anos. O Goberno Municipal era coñecedor dos problemas que presentaba este centro escolar e, como é habitual neles, miraron cara outro lado e non tiveron a ben atender e solucionar as reiteradas demandas da comunidade educativa de Atios. Tanto a Dirección do colexio como a ANPA, reclamaron o arranxo das eivas que presentaban as instalacións, sen obter resposta algunha do Concello do Porriño, que deixou que a estructura do edificio chegase a verse realmente afectada e o centro non cumprira coas condicións de seguridade e habitabilidade para os centos de nenas e nenos que cada día usan esas instalacións. Dende o PP do Porriño aplauden que se inicien, dunha vez por todas, as obras de reparación da cuberta e esixen que se proceda a resolver, antes do inicio do próximo curso escolar, o resto de deficiencias que presenta o centro.

⦁ No tocante ao CPI da Ribeira, cabe destacar que recentemente se ven de inaugurar o novo salón de actos reformado e acondicionado pola Xunta de Galicia, nun acto que contou coa presenza do Xefe Territorial, César Pérez Ares. A rexedora volve faltar á verdade cando se refire ao novo comedor do centro escolar. O comedor non se atopaba en funcionamento este curso, pois o Concello do Porriño adeuda ao cátering contratado para a xestión todas as facturas relativas ao servizo prestado no curso 2016/2017. Será a Xunta de Galicia disporá a partir do curso escolar que entra o servizo de comedor para os escolares do CPI da Ribeira.

⦁ O “inaceptábel” e “intolerábel”; estado da escola infantil Galiña Azul de Torneiros, co que concorda o Partido Popular, é responsabilidade única e exclusiva do Goberno Municipal do Porriño. Unha vez máis, a rexedora minte ás nais e pais dos nenos culpando á Xunta de “non garantir a seguridade doas cativas e cativos”; e omite que é o Concello sobre quen recae, en virtude do convenio asinado entre a FEGAMP e a Consellería de Política Social (da que depende o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar que xestiona estas escolas infantís e os Centros de Día) , o mantemento integral destes centros. No caso de ser preciso algún investimento de obra nas Escolas, o Concello debe proceder a efectuar as obras de mantemento e pasar posteriormente o cargo ao Consorcio Galego. Algo que o executivo presidido por Eva García non fixo. Omite tamén a Alcaldesa que, a día de hoxe, o Concello do Porriño adeuda ao Consorcio Galego a cantide de 141.700 euros polo cofinanciamento das Garderías da Galiña Azul de Doantes de Sangue e Torneiros e polo Centro de Día de Torneiros, cantidade desmesurada e máis que suficiente para cubrir as obras urxentes que precisan estes centros.

Así pois, dende o PP do Porriño esixen a Eva García que deixe de mentir á veciñanza e adique máis tempo a cumplir as súas obrigas que, no caso que nos ocupa pasan por solucionar os problemas da comunidade escolar para garantir unha ensinanza de calidade aos nosos nenos e nenas, e menos a traballar a prol dos intereses do seu partido e os seus propios.

Deixa o teu comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

You may use these HTML tags and attributes:

<a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>